Seis expertos forman parte do xurado do premio Autoestrada do Atlántico

O premio de fotografía Autoestrada do Atlántico conta cun xurado do que forman parte seis expertos, tres homes e tres mulleres, nos campos da fotografía, o xornalismo e a enxeñaría.

Silvia Longueira, xornalista e directora da Fundación Luis Seoane; Belén Regueira, xornalista, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Jorge Lens, fotógrafo; Vari Caramés, fotógrafo; Miguel Riopa, fotógrafo; e Carlota Pita, en representación do Colexio de Camiños, Canais e Portos forman o elenco de expertos que, o 22 de xullo se reunirá na sede de Autoestradas do Atlántico SA, en A Coruña, para escoller as dúas fotografías gañadoras do certame e as 25 que formarán parte da exposición en Nova York.

 

O xurado, un a un
Vari Caramés (Ferrol,1953) é fotógrafo profesional. Dende 1980, realizou grande cantidade de exposicións fotográficas e recibiu numerosos premios e distincións, coma o VII Premio Bienal Internacional de Fotografía Contemporánea Pilar Citoler (2013). Dende 1989 ata 2018 publicou un total de 19 obras individuais.

Jorge Lens (Vigo,1967) é fotógrafo licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e doutor pola Universidade de Vigo, onde imparte docencia en Técnica Fotográfica e Teoría da Imaxe. Espuxo a súa obra en diversas mostras colectivas como Andar por casa, Centros Culturais de España en Latinoamérica (1998-1999).

Silvia Longueira (Brasilia, 1967) é licenciada en Xeografía e Historia e máster en Medios de Comunicación pola Universidade de A Coruña e La Voz de Galicia. De 2007 a 2019 foi concelleira no Concello de A Coruña e dende 2004 é a directora da Fundación Luis Seoane.

Carlota Pita (Ferrol, 1973) é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos pola Escola Técnica Superior de A Coruña e desenvolve a súa labor como Enxeñeiro de Camiños Municipal no Concello de Arteixo. Pita forma parte da xunta directiva do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

Belén Regueira (A Coruña,1977) é xornalista licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela. Premio Mestre Mateo 2008 á mellor comunicadora polo programa televisivo O País dos Ananos, dende 2009 realiza tarefas de redacción na Radio Galega e colabora con A Nosa Terra.

Miguel Riopa (Campo Lameiro, 1967) é fotoxornalista. Formado na Escola de Arte Mestre Mateo e no CEI, en Santiago de Compostela, traballou como redactor gráfico en diversos xornais como El Mundo ou La Voz de Galicia. Recibiu diferentes premios e distincións, incluído o segundo premio na categoría de Sport Features do World Press Photo en 2018. Actualmente, desenvolve a súa labor na axencia France-Presse.

Xosé Luis García Canido (Vigo, 1967), xornalista e xestor cultural, actuou como coordinador do xurado con voz e sen voto.