166 olladas para a Ponte de Rande
A Ponte de Rande foi o motivo central de 166 das 169 imaxes que participaron no premio de fotografía Autoestrada do Atlántico. Fotógrafos e fotógrafas profesionais e aficionados de diferentes puntos da xeografía galega enviaron as súas fotografías ao longo do mes de xullo, nas que a ponte sobre a Ría de Vigo se amosa dende perspectivas tan diversas como sorprendentes.
A Ponte de Rande aparece nas instantáneas que forman parte do certame en todas as súas facetas: en días de sol e de chuvia, en verán e en inverno, cuberta de néboa, na posta de sol, de madrugada, no medio da noite, con tráfico e sen el, ollándoa dende a altura e tamén dende abaixo, profundizando no detalle ou amosando un plano xeral, a cor e en branco e negro.
No eido profesional, destacan as fotografías nocturnas, que suman un total de 21, xunto coas imaxes que amosan a luz da posta de sol sobre Rande (14) e a néboa arrodeando a ponte (8).
Os fotógrafos e fotógrafas aficionadas que participaron no certame decantáronse, na súa maioría, polas fotografías soleadas (48) e tamén se fixaron, en moitos casos, na luz que desprende a infraestrutura ao anoitecer.
As imaxes, todas diferentes mais coa Ponte de Rande coma fío conductor, poñen en valor a Ponte de Rande como fenómeno vertebrador da Autoestrada do Atlántico e fito da enxeñería mundial.