Que vehículos están exentos de pagar peaxe na Autoestrada do Atlántico?
18.09.2019. Cada mes rexístranse 8 millóns de viaxes de vehículos exentos de peaxe na Autopista do Atlántico (AP-9), segundo os datos de xaneiro-agosto de 2019. O tipo de vehículos exento de peaxe son os correspondentes ás forzas armadas, corpos e forzas de seguridade (corpo nacional de policía e garda civil) e servizos contra incendios (bombeiros). As devanditas exencións practícanse sempre e cando o vehículo obxecto de peaxe poida ser identificado como vehículo oficial, ben de forma visual, ben coa presentación da súa documentación no caso de vehículos non rotulados. Se non se aporta a documentación do vehículo ou este non é un vehículo oficial, solicítase o pago da peaxe. Se o conductor se nega a realizar o pagamento, deberá cumprimentar e asinar un documento existente en peaxe de recoñecemento de paso.
O segundo grupo de exención corresponde ás policías locais e ás forzas de seguridade das comunidades autónomas: a exención de peaxe cínguese aos traxectos realizados no ámbito territorial da súa competencia e, fóra del, só cando exerzan funcións de protección de autoridades públicas ou de emerxencia, sempre que os seus servizos foran requeridos previamente polas autoridades correspondentes.
No terceiro grupo de exención están as ambulancias, os vehículos ao servizo das autoridades xudiciais, de emerxencia ou protección civil, os vehículos da propia explotación e inspección de estradas, así como os vehículos da explotación e conservación de equipamento para a xestión, control e vixilancia do tráfico. Este grupo de colectivos están exentos do pagamento de peaxe sempre e cando estean a cumprir as súas respectivas «funcións específicas», que deberán xustificar documentalmente.
Con todo, en casos de emerxencia nos que o vehículo obxecto da peaxe leve activadas as sereas e luces de emerxencia, facilítase o paso.
No caso das ambulancias, as discrepancias existentes entre un e outro sector empresarial sobre a aplicación da exención de peaxe xorde, entre outros motivos, como consecuencia da redacción do artigo 23 da nova Lei de Estradas de 2015, que non define o que se entende pola expresión «funcións específicas». Á espera de que se resolva xudicialmente a anterior controversia e, co obxectivo de optimizar os servizos das compañías de ambulancias nos seus percorridos polas autoestradas de peaxe, en marzo deste ano, as principais sociedades concesionarias e as asociacións de empresas de ambulancias máis representativas subscribiron un convenio no que se acordou unha exención do 80% do importe da peaxe aplicable ás ambulancias, con renuncia recíproca á reclamación de calquera compensación pola forma e condicións en que se aplicou tal desconto ata a resolución da controversia.
Clica aquí para obter máis información sobre o acordo de interpretación dos contratos de concesión de autoestradas de peaxe aprobado polo Consello de Ministros.