O Foro Económico de Galicia avoga por peaxes en autovías e autoestradas
27.01.2020.
O Foro Económico de Galicia presentou hoxe en Vigo o estudo Infraestruturas viarias: investimento e tarificación, que propón un sistema de peaxe universal para todas as autoestradas e autovías españolas, similar ao que funciona na meirande parte dos países da OCDE. O estudo preséntase tras case un abo de traballo, a partir do debate iniciado no cume de 2019 do Foro Económico de Galicia, no que o director xeral de Autopistas del Atlántico expuxo a situación da rede de peaxes en sol (abonados polos clientes que utilizan as autoestradas e autovías) e peajes en sombra (abonados por todos os contribuíntes, utilicen ou non as autoestradas e autovías).
O Foro Económico de Galicia pon de manifesto os problemas de financiamento das infraestruturas de transporte en España diante dunha situación económica de déficit público e unha “sobredotación” de vías de alta capacidade: é o país da Unión Europea con menor proporción de rede tarificada, un 18%, fronte ao 79% de Francia ou o 86% de Italia. A autora do informe, a profesora da Universidade de Vigo Mar González Savignat, subliñou a necesidade dun sistema de autofinanciamento da rede de autoestradas e autovías e de priorizar o mantemento das existentes.
“España é o país da UE coa rede máis extensa de vías de alta capacidade, a menos tarificada e a que menos ingresos por kilómetro recibe: un 76% por debaixo da media da UE. Seguir dependendo de fondos públicos condúcenos a unha descapitalización do investimento que vimos de realizar nos últimos años”, sinalou.
Savignat afirmou que a actual coexistencia de vías gratuítas e de pagamento “non ten ningún sentido e aumenta as discrepancias a nivel rexional e as tensións na sociedade”, polo que propón un sistema de peaxe variable. “Non hai que eliminar a peaxe, senón estudar unha tarificación máis suave e deixar atrás o actual sistema homoxéneo, que provoca unha diferenza do 600% nos prezos de peaxe entre rexións”.
No tocante ao estado das autoestradas e autovías, afirmou que as vías de alta capacidade en España están “deficientemente” mantidas, cun valor de mantemento que acadou a súa cifra máis baixa en 2011 e que “non se recuperou”. “O Banco Mundial introduce unha media de 3.700 millóns de euros anuais para o mantemento de vías, pero en España estamos a ter un déficit acumulado de mantemento nos últimos anos de 7.000 millóns de euros”, indicou a docente.
O director xeral de Autopistas del Atlántico (Audasa), César Canal, participou en maio do pasado anona X reunión anual do Foro Económico de Galicia cun relatorio sobre o pagamento por uso e a seguridade da Autoestrada do Atlántico.