Autopistas del Atlántico promove a través dun cómic as pontes máis importantes de Galicia
15.12.2020. Autopistas del Atlántico colabora na publicación de A Volta a Galicia en 40 pontes e media, de Rafael Astor e Carlos Nardiz, con ilustracións de Francisco Jaraba. Trátase dun cómic de case 100 páxinas editado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, no que o protagonista, Fray Capucho, percorre as principais pontes galegas, dende a románica Ponte de Bibei ata a Ponte de Rande. O libro complétase cun álbum de fichas de cada unha delas, incluíndo esbozos e fotografías, e un glosario de termos para entender as súas características.
“Galicia é unha comunidade na que as pontes xogan un papel fundamental na vertebración do seu territorio. En Autopistas del Atlántico traballamos continuamente na súa conservación e posta en valor cos mellores equipos técnicos e humanos. Desexamos que a súa lectura transmita a mesma paixón por estas infraestruturas que a que nos move no noso traballo diario”, sinala o director xeral de Autopistas del Atlántico, César Canal, no prólogo do libro.
A publicación é unha segunda edición actualizada 31 anos despois da súa saída do prelo, que permite divulgar de xeito ameno o patrimonio das pontes galegas, incorporando as actuacións de conservación ou ampliación desenvoltas nos últimos anos.