Premio ‘Galicia Enerxía’ para a nova iluminación de seguridade de Rande

[:]

[:]

29.10.2021. Autopistas del Atlántico SA vén de recibir un novo premio polas obras da ampliación da ponte de Rande. Trátase dos VIII Premios Galicia de Enerxía, que concede a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia. A concesionaria galega acadou o galardón ao mellor proxecto de iluminación de seguridade e tráfico e balizamento aéreo.

O novo sistema de luces de seguridade substituíu as farolas tradicionais por un sistema que ilumina o taboleiro da ponte, ofrecendo unha maior seguridade e visibilidade aos vehículos que circulan pola ponte, así como a todo o tráfico aéreo que sobrevoa a ría de Vigo.

Os Premios Galicia Enerxía celébranse de xeito ininterrompido dende 2014 para galardoar aos mellores proxectos e prácticas en materia enerxética promovidos na Comunidade Autonómica.  

En representación de Autopistas del Atlántico, a directora facultativa das obras de ampliación da ponte de Rande, Ana Fernández, e o xefe do equipo de electricidade, Carlos Míguez, recolleron o pasado venres 22 de outubro o premio, que se entregou na gala que se celebrou no Pazo da Merced de Neda (Ferrol).

O recoñecemento da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia súmase ao outorgado pola Asociación Internacional de Pontes e Enxeñaría de Estruturas (IABSE, nas súas siglas en inglés), que o calificou en 2019 como a segunda mellor ponte do mundo. A ampliación da ponte de Rande tamén recibiu  o premio ITS 2019 e o premio Acueducto de Segovia. Todas as distincións subliñan a singularidade, innovación e respecto ao medio ambiente das obras de ampliación de Rande e tamén o complexo sistema de coordinación que permitiu realizar as obras sen cortar a circulación de vehículos.

[:]