O tráfico da Autoestrada do Atlántico recupérase tras a Covid

 

03.04.2023. Autopistas del Atlántico SA (Audasa) recuperou en 2022 as cifras de tráfico de 2019, tras dous anos marcados polas restricións á mobilidade pola Covid-19. Segundo os datos presentados hoxe á CNMV [Resultados e informe de xestión 2022], a compañía ingresou por peaxes 172 millóns de euros en 2022, un 14,4% máis que o ano anterior.

A mellora de resultados débese ao aumento do tráfico na autoestrada, que supera lixeiramente os niveis pre-Covid. O máximo da intensidade media diaria (IMD) da AP-9 acadouse no ano 2007 con 27.029 vehículos, o que supón que en 2022 se rexistraran 2.468 vehículos ao día menos, un 9,1% por debaixo da IMD de 2007.

O resultado do exercicio sitúase en 66,1 millóns de euros e mellora nun 30% o xerado o ano anterior. O grupo Itínere, do que forma parte Autopistas del Atlántico, destinou integramente os dividendos da concesionaria galega en 2022 a reducir o endebedamento derivado da adquisición ao Estado da Empresa Nacional de Autopistas SA, privatizada en 2003 por un importe de 1.622 millóns de euros. Dende 2003, ano no que Itínere adquiriu a concesión, a matriz non lles distribuíu ningún dividendo aos seus accionistas.

En 2022 Autopistas del Atlántico aportou un total de 59 millóns de euros en impostos e cotizacións sociais: 55,9 millóns polo imposto de sociedades, IVE e IRPF; 2,7 millóns en seguros sociais dos seus empregados; e 0,4 millóns por IBI e IAE ás administracións locais.

A compañía incrementou o seu cadro de persoal medio un 1,7% ata os 233 profesionais, con maior presenza feminina, que se sitúa no 43% (en 2021 era do 40%).  O diñeiro dedicado a actuacións e melloras na autoestrada aumenta nun 15%, ata os 6,1 millóns de euros durante o exercicio, incluíndo os investimentos e as accións medioambientais.

A AP-9 rexistra unha boa evolución dos clientes que abonan as peaxes con dispositivos de telepeaxe (Vía T), que medran ata o 69,5% de todas as viaxes de 2022. Autopistas del Atlántico tamén incrementou nun 22% a cifra que dedica a bonificar os seus clientes (un 25% en traxectos de ida e volta), aportando 6,8 millóns de euros en descontos comerciais en 2022 e que se suman ás bonificacións aportadas polo Estado.

 

Imaxe: Punto GA | M.Riopa.