AESA autoriza o balizamento dos catro tirantes exteriores de Rande

22.04.2020

A Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), dependente do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, vén de autorizar o balizamento dos catro tirantes exteriores da Ponte de Rande, en Vigo, tras a ampliación do mesmo. A estrutura está dentro das servidumes aeronáuticas do Aeroporto de Peinador e supera os 100 metros de altura, polo que é necesario proceder ao seu balizamento.

A autorización estaba condicionada á instalación de luces de obstáculo cun sistema dual media A/media C, de modo que permitise aos pilotos das aeronaves visibilizar a ponte en condicións de baixa visibilidade.

A iluminación diurna consta de luces de obstáculo de media intensidade de tipo A no eixo central dos dous pórticos da ponte, que emiten luz branca de descintileos, dispostas en dous niveis: unha luz de obstáculo situada na parte máis alta e outra luz de obstáculo nun nivel intermedio.

A iluminación nocturna consta de luces de obstáculo de media intensidade de tipo C, que emiten luz vermella omnidireccional, ubicadas na parte máis alta dos dous pórticos e en tres niveis intermedios. Adicionalmente, de noite ilumínanse os tirantes exteriores con proxectores de luz dispostos sobre o taboleiro da ponte. Esta iluminación debe poñerse en funcionamento ao tempo que as luces de obstáculo de media intensidade de tipo C dos pórticos.

Dado que a instalación non podería ser visible en todos os ángulos de azimut, como consecuencia do apantallamento lateral dos propios tirantes da ponte, todas as luces de obstáculo ubícanse sobre o eixo central do lado exterior dos pórticos.

Asimesmo, o balizamento da Ponte de Rande condicionouse a que a secuencia de palpebrexo de todas as luces de obstáculo debía estar sincronizada.

A concesionaria da ponte solicitou a AESA a autorización do balizamento da ampliación da Ponte de Rande, en base ao cumprimento do art. 5.1.12 do Decreto 584/1972, de 24 de febreiro, de servidumes aeronáuticas, modificado polo Real Decreto 297/2013, de 26 de abril. A axencia vén de autorizar este proceso tras realizar unha inspección in situ e analizar a documentación presentada.