AP-9, incluida no eixo europeo de autoestradas
A Autoestrada do Atlántico ou AP-9 é coñecida tamén na rede de estradas de Europa como E01 ou E-1, entre Ferrol e Tui; e na conexión E-70, entre A Coruña e Guísamo. Ambas estradas son consideradas a nivel europeo como de clase A, é dicir, son os eixes principais de comunicación. A rede europea E01 ten unha lonxitude de 2.511 quilómetros. Comeza en Larne ( Irlanda do Norte) e remata en Sevilla, atravesando cidades como Belfast, Dublín, Porto, Coimbra, Lisboa ou Huelva.
A rede europea E-70 ten entre A Coruña e Guísamo o seu último tramo. E-70 comeza máis alá do Mar Negro, en Poti (Georgia), e remata na cidade herculina. Ten unha lonxitude de 4.550 quilómetros e atravesa países como Turquía, Bulgaria, Rumanía, Serbia, Croacia, Eslovenia, Italia e Francia.