Audasa fabrica pantallas de protección con tecnoloxía propia para o seu persoal
18.04.2020.
Autopistas del Atlántico SA (Audasa) vén de producir un total de 150 pantallas faciais para os postos de cara ao público do seu persoal, principalmente peaxistas e técnicos de mantemento, que son o colectivo de maior risco de contaxios de coronavirus. As pantallas foron fabricadas coa tecnoloxía propia da compañía galega, a través de impresoras 3D xeralmente utilizadas para a fabricación de pezas de reparación de instalacións e maquinaria, e cunha capacidade de produción de 240 unidades de pantallas ao mes. Para garantir a máxima seguridade, todas as pantallas faciais dos centros de traballo son desinfectadas antes e despois de cada novo turno.
A compañía, que tamén repartiu a semana pasada un lote de pantallas faciais nos centros de saúde de Sárdoma e Rosalía de Castro, en Vigo, vén de ampliar a produción para abastecer deste material de protección nas vindeiras semanas a institucións e centros sanitarios de Galicia.
Máscaras e guantes para todo o persoal
Dende o 15 de abril, todo o persoal de Audasa e Autoestradas de Galicia dispón de novos elementos de protección coa chegada de 3.000 máscaras FFP2 e 4.000 guantes de látex.
Audasa reafirma o seu compromiso co coidado dos seus traballadores ao tempo que traballa polo mantemento da actividade para ofrecer un servizo de máxima calidade e seguridade durante a crise sanitaria da Covid-19, co persoal de mantemento adicado preferentemente a labores de atención á vialidade invernal, centro de control e seguridade de túneis e o establecemento da tarxeta bancaria e contactless e o telepeaxe como sistemas preferentes de pago nas peaxes, con persoal de apoio para cando sexa necesario.