Autoestradas do Atlántico optimiza a seguridade das labores de mantemento en Rande
22.09.2019. Autoestradas do Atlántico optimiza a seguridade da ponte de Rande á hora de levar a cabo labores de mantemento, dotando á estructura dunhas novas varandas que facilitarán o traballo dos operarios. As varandas colocaranse na parte superior dos cabeceiros metálicos, ubicados nas pías norte e sur da ponte.
Os traballos levaranse a cabo cunha grúa de gran tonelaxe a partir da madrugada deste luns 23 de setembro, co obxetivo de minimizar a afección ao tráfico. Durante esta xornada inicial e na madrugada do martes 24 ao mércores 25, desmontaranse as actuais varandas de obra para, posteriormente, izar as varandas definitivas.
Durante a madrugada do mércores 25 ao xoves 26 e na do xoves 26 ao venres 27 soldaranse as varandas definitivas, dando por rematada a obra coas pertinentes labores de limpeza.
Todas as labores de instalación das novas varandas realizaranse en horario nocturno, de 22.00 a 06.00 horas. O Ministerio de Fomento autorizou os desvíos do tráfico dende os carrís do tronco da ponte, que permanecerán cortados durante os traballos, ata as dúas calzadas laterais. A Dirección General de Tráfico (DGT) informará aos usuarios a través dos paneis móbiles e da súa páxina web.
DESVÍOS DE TRÁFICO PREVISTOS nas noites do 23 ao 27 de setembro de 2019:
· Madrugada do luns 23 ao martes 24 de setembro : Cortaranse os dous carrís do tronco da ponte de Rande dirección Vigo. Previuse un desvío sinalizado á calzada lateral.
· Madrugada do martes 24 ao mércores 25 de setembro : Cortaranse os dous carrís do tronco da ponte de Rande dirección Pontevedra. Previuse un desvío sinalizado á calzada lateral.
· Madrugada do mércores 25 ao xoves 26 de setembro: Cortaranse os dous carrís do tronco da ponte de Rande dirección Vigo. Previuse un desvío sinalizado á calzada lateral.
· Madrugada do xoves 26 ao venres 27 de setembro: Cortaranse os dous carrís do tronco da ponte de Rande dirección Pontevedra. Previuse un desvío sinalizado á calzada lateral.