07.02.2020.
O tráfico global da Autoestrada do Atlántico (AP-9) aumenta un 1,54% en 2019, ata os 24.405 vehículos, segundo os datos publicados polo Ministerio de Fomento. A Intensidade Media Diaria (IMD) da autoestrada supera os 24.036 vehículos que transitaron pola autoestrada en 2018, un crecemento que se sitúa no 1,8% no caso dos tramos con peaxe e nun 0,24% nos libres de peaxe. O 92% dos tránsitos realízase en vehículos lixeiros.
A evolución do tráfico da Autoestrada do Atlántico mantense 3,06 puntos por debaixo do sector, a pesar de situarse por riba do doutras vías como Montmeló-La Junquera, León-Campomanes ou Segovia-San Rafael. A IMD estatal media en 2019 é de 20.554 vehículos, polo que a AP-9 sitúase un 8,7% por riba da mesma
O tramo da AP-9 que máis medra en 2019 é o que une Baiona e Tui, cun 21,41%, seguido de O Porriño-Tui (+16,24%) e Rebullón-O Porriño (+4,20%). A ponte de Rande, cunha circulación de 59.898 vehículos diarios sitúase entre os máis destacados da autoestrada galega cun aumento do 3,33% respecto ao ano anterior.
As viaxes entre as localidades con maior poboación tamén aumentan, cun crecemento do 2,86% entre Santiago e Pontevedra; un 2,08% entre Pontevedra e Vigo; e un 0,11% entre A Coruña e Ferrol. A conexión entre A Coruña e Santiago rexistra un descenso do 0,13%.
A metade das viaxes, gratis para os usuarios
A autoestrada galega, baixo a titularidade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, supera en 2019 as 99.433.988 viaxes, das que o 48% son gratuítas. Os percorridos pola Autoestrada do Atlántico na contorna da Coruña, Pontevedra, Santiago ou Vigo son gratuítos, así como os tramos O Morrazo-Vigo e A Barcala-A Coruña. Esta cifra acada o 51% tendo en conta o tramo con desconto Pontevedra-Vigo, cuxo regreso é gratuíto para vehículos lixeiros se a viaxe de ida e volta se leva a cabo no mesmo día (agás domingos e festivos) e se abona co sistema VIA-T.
O 59,1% dos tránsitos pola AP-9 abónanse con sistemas de telepeaxe; o 20,5%, con tarxetas bancarias; e o 20,4%, en efectivo. Autopistas del Atlántico (Audasa), concesionaria da autoestrada entre Ferrol e a fronteira portuguesa, financia o 25% no retorno aplicable a vehículos lixeiros que realicen a viaxe de ida e volta no mesmo día (a excepción dos domingos e festivos) e idéntico tramo. Pola súa parte, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cunha aportación de 7,2 millóns de euros en 2019, financia a gratuidade da peaxe para A Barcala-A Coruña e O Morrazo-Vigo.