Como desinfectar o vehículo contra a Covid-19
21.05.2020.
A Garda Civil e institucións como a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) ou a Confederación Española de Transporte de Mercadorías, entre outras, recomendan a limpeza e desinfección diaria ou antes e despois de usar o noso vehículo como medida preventiva para loitar contra a propagación do coronavirus. Para isto pódense empregar varios produtos que non danan o interior do coche. Entre os consellos da OCU e Consumer Reports están lavar primeiro a superficie con auga e xabón,empregar deseguido unha solución desinfectante cun mínimo dun 70% de alcol e, finalmente, secar moi ben todas as superficies, evitando que queden zonas húmidas. É recomendábel a utilización de guantes. Tamén existe a posibilidade da limpeza con ozono nun centro especializado, xa que este gas ten unha acción microbicida.
Recoméndase desinfectar todas as superficies susceptíbeis de ser tocadas. Entre estas atópanse o volante, a panca de cambio e o freo de man, as portas –incluída a do maleteiro-, a radio ou pantalla táctil, os controis de información ou sinalización, o cinto de seguridade, os axustes de posición dos asentos, os espellos retrovisores e, por suposto, as chaves do vehículo.