EuroRAP califica con sobresaínte a seguridade da Autoestrada
A Autoestrada do Atlántico, AP-9, é unha vía moi segura. Así o indica o informe EuroRAP 2018, elaborado polo Programa de Avaliación de Estradas Europeas (European Road Assessment Programme ou EuroRAP polas súas siglas en inglés), un consorcio europeo financiado pola Comisión Europea e formado por 40 organismos asociados, entre administración públicas ou clubes do automóbil. O estudo, que avalía a accidentalidade nas vías europeas durante 3 anos, define a AP-9 como unha estrada na que existe un risco “moi baixo” de sufrir un accidente grave ou moi grave, o que a sitúa no chanzo de maior puntuación en relación coa seguridade para os vehículos.
Esta análise, na que en España participan o Ministerio de Fomento, a Dirección Xeral de Tráfico e varias administracións autonómicas, identifica os tramos con maior risco de accidentalidade grave ou mortal en función dos vehículos que circulan por eles así como os tramos de maior concetracion de accidentes.
EuroRAP adaptou a metodoloxía de análise que crearan os tres países líderes na estadística de seguridade vial en Europa: Gran Bretaña, Suecia e Holanda. Dende 2002 máis de 25 países europeos aplícana para analizar 240.000 quilómetros de estradas, e ata 80 países de todo o mundo. Os criterios de EuroRAP son tamén utilizados noutros países do mundo, como Estados Unidos e Australia, para analizar as súas redes viarias.