Medidas para evitar contaxios de coronavirus na Ap-9
13.03.2020.
Autopistas del Atlántico (Audasa) establece dende hoxe as vías automática e dinámica como formas de pagamento preferente nas peaxes da Autoestrada do Atlántico Ap-9 –un sistema que permite, ademais da telepeaxe, o abono con tarxeta bancaria, o abono con tarxeta mediante a tecnoloxía contactless ou en efectivo a través das máquinas habilitadas, que inclúen a posibilidade da devolución do importe–, e mantén a presenza de persoal de apoio para asistir aos condutores en caso de necesitalo. A medida foi adoptada como método preventivo fronte á expansión do coronavirus para a protección dos profesionais da autoestrada e de todos os usuarios.
A resolución foi aprobada conxuntamente co comité de empresa da concesionaria galega tras informar á inspección do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana en Galicia.
Audasa mantén activos a todos os efectivos de conservación, seguridade e de atención aos usuarios. Tamén permanecen sen cambios os equipos que aseguran a vialidade invernal da infraestrutura viaria e os traballadores do centro de control. A concesionaria galega contempla que parte do persoal da súa sede central poida teletraballar.
Seguindo en todo momento as directrices do Goberno de España, Autopistas del Atlántico continuará traballando para garantir o correcto funcionamento da Ap-9 e manter a calidade dos seus servizos aos usuarios.