O Ministerio de Transportes somete a información pública a mellora de diversas rúas en Chapela
16.07.2020.
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana somete a información oficial e pública o proxecto de mellora e urbanización de varias rúas de Chapela (Redondela) situadas nas proximidades da AP-9.
Este proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 2.923.002,35 de euros, incluíndo o 21% de IVE, divídese en tres actuacións: a ampliación do paso sobre a autoestrada galega que dá acceso á localidade de San Vicente de Transmañó, a reposición do camiño Mouriño, localizado na marxe esquerda da carreteira N-522, e a mellora da rúa Pasán e o camiño da Igrexa, que inclúe a construción das redes de abastecemento, de alumeado e de augas pluviais, ademais da reposición do firme e novas beirarrúas.
Estas obras, que asume integramente Autopistas del Atlántico (Audasa), son consecuencia da ampliación da autoestratada entre O Morrazo e Teis (Vigo). Con anterioridade a concesionaria galega xa financiara por un valor de 4,6 millóns de euros a construción do CEIP Cidadelle, que conta cun terreo de máis de 10.600 metros cadrados cara a ría de Vigo.
O Boletín Oficial del Estado (BOE), do mércores 15 de xullo de 2020, recolle toda a descrición do proxecto.