O tráfico na AP-9 diminúe un 42% en marzo tras as medidas do Goberno

6.04.2020.

O tráfico conxunto de todos os tramos da Autoestrada do Atlántico reduciuse un 42,48% en marzo en comparación co mesmo mes do ano pasado, pasando dos 22.125 vehículos diarios a 12.727, como consecuencia do decreto de estado de alarma pola crise do coronavirus do 14 de marzo.

A diminución da intensidade media diaria (IMD) é un 42,08% inferior á de febreiro, cando se rexistraron 21.974 vehículos ao día, e un 39,07% menor que a de xaneiro, con 20.888 vehículos.

En comparación co conxunto de 2019, a IMD de marzo supón unha caída dun 47,85% do número de vehículos diarios que transitan pola AP-9.

Mantemento da calidade do servizo na autoestrada

O persoal de mantemento da Autoestrada do Atlántico traballa desde o 27 de marzo de maneira preferente en labores de atención á vialidade invernal, centro de control e seguridade de túneis, en cumprimento da medida gubernamental para extremar ao máximo a prevención de posibles contaxios.

A pesares da forte caída da actividade, a empresa concesionaria (Autopistas del Atlántico SA) mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade, así como as medidas para velar polo coidado e a seguridade dos seus traballadores, e a día de hoxe non pediu ningún tipo de compensación ao Estado polas restricións de tráfico nin solicitou expedientes de regulación temporal de emprego.

Para seguir garantindo a actividade, os profesionais de Audasa que teñen a posibilidade de facelo operan en teletraballo e mantéñense as brigadas de obras para reparacións e emerxencias esenciais, ademais dos servizos de atención aos clientes nas áreas de peaxes e servizos centrais.

Os métodos preferentes de pago nas peaxes da AP-9 continúan a ser a tarxeta bancaria e contactless e o sistema de telepeaxe, co mantemento de persoal de apoio aos condutores por se fose necesario, e seguen activos os equipos que velan pola seguridade dos usuarios.