O tráfico na AP-9 redúcese un 82% en abril, ata os 4.385 vehículos

05.05.2020

O tráfico total da Autoestrada do Atlántico acadou en abril o seu mínimo histórico cunha redución dun 81,7% en comparación co mesmo mes do ano pasado, pasando dos 23.968 vehículos diarios de entón aos 4.385. A intensidade media diaria (IMD) da AP-9 presenta unha cifra moi inferior á habitual desde que se iniciou o estado de alarma decretado o pasado 14 de marzo, cunha diminución de 20.020 coches ao día en comparación co conxunto de 2019, un 82,03% menos.

A autoestrada galega acadou o seu mínimo histórico de tráfico despois de que no mes de marzo a IMD diminuíse ata os 12.727 vehículos, un 42,48% en comparación con marzo de 2019.

Colaboración cos bombeiros municipais

Autopistas del Atlántico SA (Audasa) colabora coas unidades de bombeiros nos municipios de Cambre, Culleredo, Padrón, Rois e Dodro, entre outros, nas labores de desinfección municipal das rúas principais, co desprazamento á zona dos equipos móbiles da compañía galega para esparexer 12.000 litros de hipoclorito sódico. Os camións de Audasa, que teñen unha capacidade de 10.000 litros cada un e tamén traballan na desinfección da totalidade da AP-9, proseguirán con esta colaboración cos municipios nas vindeiras semanas en distintos municipios de Galicia.

Os equipos móbiles veñen de desinfectar tamén a totalidade da autoestrada AP-9, incluíndo as súas seis áreas de servizo, as tres áreas de descanso e todas as zonas de peaxe. Estas tarefas manteranse diariamente para garantir o reforzo da seguridade da vía, os traballadores da concesionaria e os usuarios. As seis áreas de servicio da AP-9 permanecen abertas no seu horario habitual para que os vehículos poidan repostar. As áreas de Repsol serven gratuítamente un almorzo aos transportistas nun espazo habilitado para a restauración.

Audasa, que non levou a cabo medidas de regulación temporal de emprego nin solicitou ningún tipo de compensación gubernamental, reafirma o seu compromiso coa máxima seguridade da Autoestrada do Atlántico e dos seus traballadores, conservando nos postos físicos o seu persoal de mantemento dedicado preferentemente a labores de atención á vialidade invernal, centro de control e seguridade de túneis, ademais dos equipos de obras para reparacións e emerxencias esenciais e os servizos de atención aos clientes e de asistencia ao pago nas peaxes nos casos necesarios. A tarxeta bancaria e contactless e o sistema de telepeaxe continúan a ser os sistemas preferentes de pago nas peaxes.