Rande, segunda mellor ponte do mundo en 2019
A ponte de Rande vén de converterse na segunda mellor ponte do mundo. Grazas á obra de ampliación, a Asociación Internacional de Pontes e Enxeñaría Estructural (IABSE, nas súas siglas en inglés), outorgoulle esta distinción, que a coloca como finalista dos premios á Mellor Estructura (Outstanding Structure Award ou OSTRA polas súas siglas en inglés), superando á ponte de Mukogawa (Hyogo, Xapón), e tan só por detrás da ponte Mersey Gateway (Liverpool, Reino Unido).
O premio OSTRA 2019 súmase ao Premio ITS 2019, outorgado á ampliación de Rande en abril deste mesmo ano, que recoñeceu a coordinación e o sistema implantado, que permitiu manter os niveis de tráfico durante a obra.
Os premios IABSE e OSTRA á Mellor Estructura recoñecen dende 1998 obras a nivel mundial, destacadas pola súa singularidade, innovación, creatividade, sostibilidade e respecto ao medio ambiente. Os galardóns entregaranse entre o 4 e o 6 de setembro de 2019 en Nova Iork.